28. PRAIA DE TANXIL

Lugar para o lecer

Esta praia é a máis visitada do municipio na actualidade, foi inspiración de numerosos autores rianxeiros como Castelao e Rafael Dieste. Ten unha lonxitude de 220 metros e unha anchura de 13 metros.

Nesta praia podemos atopar o pazo de Ángel Baltar, quen construíu alí o seu paraíso e fixo, ás súas expensas, melloras para Rianxo: a electrificación e diversas obras civís.

A casa de Tanxil foi foco de atracción, por ela pasaron destacadísimos intelectuais e científicos da época: Pío del Río Hortega, Varela Radío, Nóvoa Santos…

Don Ángel construíu nesta praia un porto de abrigo, tendo en conta que tamén beneficiaba grandemente á clase mariñeira. En canto á dársena, son igualmente notorias as súas vantaxes pois, aínda que en primeiro termo só beneficiaba ao solicitante, claro está que en caso de apuros serviría de refuxio ás embarcacións pesqueiras. Colocouse no lugar a imaxe da virxe da Guadalupe, outeando a ría para espantar medos e dar protección aos pescadores. Esta singular representación pétrea, obra do escultor Asorey, instalada en 1932, foi retirada do pedestal hai uns anos pola familia Baltar, polo que o lugar perdeu o encanto para a procesión marítima que, cada ano polo mes de setembro, recibía a visita da outra Guadalupe, a oficial, esculpida en papel cartón polo frade xerónimo Xosé de Santiago, no século XVIII, e que se venera na capela do seu nome.

Tanxil é un espazo máxico, que alentou historias de aparicións como as do “porviso” e a do “urco”. Figuras fantasmagóricas que utiliza Rafael Dieste na súa peza teatral A fiestra valdeira, e recollidas da boca da xente.

Outros puntos do roteiro

«Os elementos de dereita soio conciben unha patria artificial, posta ao servicio do seus interese».

«Sempre en Galiza», 1944.  Editorial Galaxia.

Fotografía e vídeo: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II e Concello de Rianxo.

Deseño: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II.

2021

Licenza Creative Commons

Esta obra ten unha licenza Creative Commons

Atribución-Non comercial-Compartir igual 3.0 España
Ir al contenido