A vila dos escudos
20. OS ESCUDOS DE RIANXO
Rianxo foi coñecida como a ‘vila dos escudos’ pola cantidade de labras heráldicas que posuía dentro dun espazo tan reducido. Temos que remontarnos aos descendentes de Paio Gómez Chariño para atopar os primeiros escudos medievais que despuntaron na fortaleza dos Soutomaior, e logo facer un seguimento da fidalguía que se foi asentando en épocas sucesivas, sobre todo no Antigo Réxime, debido a que a xurisdicción de Rianxo abarcaba o dobre de terra da actual. Chegaba a coller parte dos concellos de Boiro, Lousame e Dodro. Foron moitos os señores feudais que se estableceron na vila e nos arredores para gozar das rendas e prebendas que proporcionaban o campo e o mar.
Castelao percorreu toda a vila en busca de casas brasonadas e debuxou as pedras armeiras das fachadas de trinta e unha vivendas para a súa obra póstuma As cruces de pedra na Galiza. Cómpre facer un percorrido polas rúas para darnos conta desta riqueza heráldica que nos fala dun pasado de gloria e poderío. Castelao deixou rexistrados trinta e un dos corenta e un que había daquela no concello de Rianxo; pero a día de hoxe hai tres desaparecidos, dous en Rianxo e un no Araño. Afortunadamente, si que se recuperou outro de entre os cascallos do Castelo da Lúa co rexistro dos Soutomaior, que foi colocado recentemente nos baixos do Auditorio municipal. Tamén hai o caso dalgún que foi cambiado de casa e lugar desde a publicación de Castelao e Bouza.

Outros puntos do roteiro
Previous
Next
«Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se alvisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade».
«Sempre en Galiza», 1944. Editorial Galaxia.
Fotografía e vídeo: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II e Concello de Rianxo.
Deseño: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II.
2021





