18. A RIBEIRA

A gran Diada Galeguista

A Ribeira, que non contou cun peirao axeitado ata os finais dos anos 30, era o lugar preferido polo artista á hora de tomar apuntamentos dos mariñeiros. Alí chegara Castelao, acompañado de Suárez Picallo, Paz Andrade e unha numerosa comisión de veciños que foran esperalo ao porto de Vilagarcía para celebrar a Gran Diada Galeguista o 18 de setembro de 1932. Foi aclamado mentres soaban multitude de bombas de palenque, aos sons da banda de música. Partindo do pequeno peirao da Rabaleira, a comitiva percorreu as rúas ata a Casa Rañó, desde cuxo balcón “hubieron de dirigir la palabra al público”. No banquete de rigor, o seu amigo Arcos Moldes pronunciou un “sentidísimo brindis”, acto no que entoaron o seu Himno a Rianxo. Así o recorda nunha posterior publicación:

“Cando se proclamou a República lanceime á política e saín Diputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu. Desembarquei baixo o estrondo das bombas e o entusiasmo dos vellos amigos, que acugulaban o peirán e a ribeira. O azougamento non me deixaban camiñar, e se sodes sentimentaes comprenderedes a miña emoción, porque a vila natal non é coma todal-as vilas. Cheguei á casa de meus pais e na veira da porta vin a unha muller… Era gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e bermella, a boca sen dentes, a postura de regateira. Miroume fite a fite, cos ollos mergullados en bágoas, e ô pasar acarón d’ela sioume con voz estremecida estas verbas: ¡Meu bailador!” (Sabela, Retrincos, 1934)

Cortesía do grupo Ailá – De Lusada

Outros puntos do roteiro

«—¿E qué tal os rapaces? —Téñoche un tan listo que ten 15 anos e xa non crê en Deus».

«Álbum Nós», 1931.  Editorial Galaxia.

Fotografía e vídeo: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II e Concello de Rianxo.

Deseño: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II.

2021

Licenza Creative Commons

Esta obra ten unha licenza Creative Commons

Atribución-Non comercial-Compartir igual 3.0 España
Ir al contenido