O fogar dos Castelao
04. CASA DE CASTELAO
Os Castelao e os Dieste tiñan os domicilios moi próximos, só se metía unha casa polo medio; podían comunicarse perfectamente desde as fiestras. Cabe pensar que esta proximidade propiciaría o compañeirismo entre o irmán maior do tamén coñecido Rafael Dieste, Eduardo, e Castelao.
Ambos estudaron en Santiago, Eduardo, en principio no Seminario, e despois Filosofía e Letras. Castelao, logo de rematar o bacharelato, ingresa na facultade de Medicina. Pero tanto un coma o outro sentíanse máis escritores e artistas que outra cousa. Cando coincidían en Rianxo sempre estaban argallando algún enredo.
En vida das irmás de Castelao esta casa funcionou coma un santuario do galeguismo. Por alí pasaron tanto históricos personaxes republicanos, como literatos e políticos da nova democracia. Pero unha vez desaparecida a irmá menor do autor de Sempre en Galiza, esmoreceu o lume da galeguidade no fogar máis emblemático do nacionalismo. “A casiña de Rianxo”, que tan ben cantara o seu preclaro amigo Otero Pedrayo, quedou baleira e esquecida.

Audio 04: O pai de Migueliño (Cousas, 1926)
Outros puntos do roteiro
Previous
Next
«O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideais en feitos».
«Sempre en Galiza», 1944. Editorial Galaxia.
Fotografía e vídeo: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II e Concello de Rianxo.
Deseño: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II.
2021





