01. CASA DO CONCELLO

O Campo de Arriba

Ata finais do século XIX, a vida comercial, administrativa e social desenvolvíase toda na zona vella, onde se atopa a igrexa, ao sur da vila. Alí encontrábanse a praza principal, o mercado, a praza do peixe, o consistorio, a alfóndega… As tres vías de entrada, hoxe rúa de Arriba, do Medio e de Abaixo, eran camiños en malas condicións e pola ribeira o mar chegaba ás casas.


O edificio do Concello, no cal exerceu durante diversos anos de concelleiro e alcalde o pai de Castelao, comezou a levantarse no 1867. Coa situación da nova casa consistorial, foi perdendo protagonismo o sur da vila. O funcionariado, os comerciantes acomodados e a pequena burguesía foron facéndose cos mellores soares da rúa de Abaixo, como é o caso da vivenda dos pais de Castelao, dos Dieste, ou dos Pérez de Manuel Antonio.


Ás portas do século XX, Rianxo deu un paso cara ao modernismo ao desprazarse o centro administrativo e de servizos da zona da Ribeira para O Campo.


Este, na actualidade, está formado por dúas terrazas: a do Campo de Arriba, onde os mariñeiros aproveitaban para secar ou atar as redes, e a do Campo de Abaixo, oficialmente chamada praza de Castelao, e durante o franquismo praza do Xeneralísimo.

A capela da Cruz, onde na actualidade se venera á Virxe de Guadalupe, marcaba a fronteira entre a vila e o barrio de Rinlo, entrada principal a Rianxo. O parque que agora atopamos no Campo de Arriba, comezou a emerxer coa primeira plantación e, pouco a pouco, foi cambiando a súa fisionomía, adornado tamén cunha artística fonte de pedra.

Audio 01: Fragmento da novela Os dous de sempre (1934)

Outros puntos do roteiro

«Propóñome demostrar que Galiza é unha unidade nacional perfecta, e que, polo tanto, ten dereito a dispor dos seus destinos».

«Sempre en Galiza», 1944.  Editorial Galaxia.

Fotografía e vídeo: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II e Concello de Rianxo.

Deseño: Alumnado Obradoiro Carnero Valenzuela II.

2021

Licenza Creative Commons

Esta obra ten unha licenza Creative Commons

Atribución-Non comercial-Compartir igual 3.0 España
Ir al contenido